Como defender o voto emigrante

     Por Frouxeira

     Se partimos dunha hipótese na que os galegos do exterior de primeira, segunda e mesmo terceira xeración teñen dereito á cidadanía xxxpañola… quen lles pode quitar agora o seu lexítimo dereito ao voto? Sería retorcer os dictados do dereito. Sería inconstitucionaaaaal!!! É dicir… Maliiigno!!!

Os emigrantes, os “exiliados económicos” (pobriños) non teñen a culpa de vivir tan lonxe dos concellos nos que están censados. O estado debería pór os medios necesarios para paliar a distancia. Proposta:

1/ que o estado lles pague a viaxe de ida e volta dende o seu país de destino ate o seu concello de orixe para que poidan exercer aló o seu lexítimo dereito ao voto, pagándolles a estadía a xeito de “dietas internacionais”.

Pero quizais vir por tres días, por unha semana namais, non lles chegue (pobriños) para apreciar con precisión a realidade socio-político-económico-cultural do país. Quizais non sexa tempo abondo para que se formen unha verdadeira opinión política. O estado debería pór os medios para paliar o seu descoñecemento. Proposta:

2/ que o estado lles pague unha estadía de entre un a tres meses no seu concello de orixe para que poidan percibir e avaliar a xestión da súa corporación municipal, financiándolles a visita, novamente, a xeito de “dietas internacionais”. [Variantes: podería ser unha vez cada catro anos ou, case mellor, unha vez ao ano, para que poidan percibir a evolución ao longo da lexislatura]

Pero quizais vir por tres meses supoña para eles un prexuízo á hora de conciliar a vida laboral coas obrigas electorais (pobriños). O estado debería pór os medios para paliar estas ausencias do seu posto de traballo. Proposta:

3/ que o estado envíe un substituto dende a administración local do seu concello de orixe (interino, a ser posíbel), para que cubra a baixa “electoral” do seu “veciño no exterior” no país de destino.

Pero quizais a alguén lle poida parecer un gasto excesivo movilizar tantos recursos con cartos públicos. Daquela, última proposta:

4/ que os partidos políticos paguen do seu propio peto toda esta migración andoriña bilateral para garantir que os emigrantes galegos conservan o seu lexítimo dereito a votar por eles.

E se todo isto semella un despregue excesivo de recursos, sempre se pode mercar o voto de canto galego saíse ó exterior ou nacese aló para transformar tanto fluxo de persoas en fluxo de papeletas. É cuestión de pórlle un precio. Como na bolsa. Como na lonxa. Nova proposta:

– Unha subasta pública de votos emigrantes en libre concorrencia para que cada partido apañe todos cantos poida pagar.

Así, cando menos, respectaríamos o dereito ó repouso na terceira idade de quen descobreu que andaban por aí 500.000 galegos e lles propuso no seu día trocar pulpadas por sufraxios. Todo sexa pola democracia.

6 Comentarios

Arquivado en Emigración, Municipais, Política

6 respostas a “Como defender o voto emigrante

  1. Daniel

    Moito mais barato vainos saír que os emigrantes teñan a súa Representación propia (no Congreso, no Senado e nos Parlamentos autonómicos), dese xeito os alcaldes xa non poden viaxar e as visas (tarxetas de crédito) non volven laiando. Os de acó aforramos unha nova ordenanza fiscal pola subida da auga, o lixo ou o que lles pete…..no mes de setembro do ano das municipais.

  2. Creo que o dixo onte Aimerich, e estou de acordo con él, que teñan a sua propia representacion, no senado congreso e xunta, porque é hai donde se fan as póliticas que lle abranguen a eles. Máis tamen creo que non deberían votar nos concellos, porque que conas saben eles do que pasa nos nosos concellos. Que saben eles das cacicadas dos nosos alcaldes.Outra cousa máis, pareceme lamentable que os netos dos emigrantes teñan dereito a nacionalidade. Tan bos queremos ser que o final somos tontos

  3. Voto por iso, porque, ¿Que dirían eles si eu lles gobernase a casa?

  4. Pingback: Lucensismo e outros males

  5. Anónimo

    que vergoña de artigo

  6. frouxeira

    Grazas polas críticas constructivas, sempre se pode aprender delas, benvidas sexan.

    Haberá que respectar a cidadanía, sobre todo cando se vai agasallando xeración tras xeración (porque os bisnetos de emigrantes tamén serán xxxpañois, non?). Un cidadán, un voto.

    Pero case mellor que se constitúa o concello número 316 de Galiza, poboado polos 500.000 residentes ausentes (sería o meirande!), e que elixan para si os seus propios representantes deslocalizados. Poderían celebrar os plenos en interné, por un chat, por exemplo.

    Por que… realmente, que interese pode ter a miles de quilómetros o asfaltado dunha pista, a colocación dun poste de luz, ou a dotación dunha serie de servizos públicos que como moito só van aproveitar nunhas breves vacacións? O seu proxecto de vida non pasa pola casa do concello do seu lugar de nacemento.

    Estamos a prol da democracia e da cidadanía… pero aló onde se exerza activamente, e non a distancia. Aymerich lembraba estes días un exemplo evidente, un agravio comparativo: por que carallo os 800 caboverdianos de Burela non teñen dereito a elixir ao alcalde da súa vila? Non exercen a súa cidadanía na capital do bonito?

    Televoting… Semella outro vídeoxogo para a nosa factoría: simulador electoral para decantar gobernos a milleiros de quilómetros de distancia.

Deixar un comentario