Eu voto, ti votas, eles votan

por Viriato

O do voto emigrante eche ben misterioso. Nós, os galegos estáticos, nunca chegaremos a entendelo na súa enormidade. Canto máis claro nos parece que é un proceso absurdo, no que os fillos dos que se foron a Arxentina teñen máis dereito a votar que os fillos dos que marcharon a Menorca, e no que non hai ninguén que controle a limpeza do sufraxio, máis insisten os nosos políticos e os nosos paisanos de ultramar en que é un dereito inalienable que lle dan a un co pasaporte cando decide marchar á diáspora.

Non se pode criticar a lexitimidade do sufraxio, pero o que si se discute alegremente é o sistema de votación por correo, que se ve que é malo con avaricia. A ninguén lle convence, sobre todo se as eleccións están preto e un non forma parte do goberno. Propostas hainas (e varias) pero á hora da verdade, en vez de reforma, fan unha ampliación, como novos ricos coa casa dos avós na aldea: Non lles gusta, pero queda a man para ir de veraneo e é mellor que sexa grande.

E mira que semella sinxelo ir e colocar unha urna no consulado, cun señor de cada partido para que mire que ninguén mete máis dunha papeleta nin a abre antes de tempo. Mais, as contadas veces que se fala de normalización do voto emigrante, sempre nos saen cun sistema máis enrevesado que as regras do béisbol e que, por desgraza, non se poderá aplicar ata dentro de moitos anos.

Touriño di que, dende que está el, a cousa cambiou. Razón non lle falta, agora hai unha Secretaría Xeral de Emigración, en vez dunha Consellería, e agora hai xente que dimite. Pero cartos pouco claros danse igual, máis ou menos. Ó certo e que aquí, na esquina máis afastada de Europa, ninguén entende nada. Pero imaxinar, o que é imaxinar, todos nos imaxinamos o mesmo:

Montevideo. Sede da Fundación Galicia Emigración, que ven sendo un cuarto nun hotel de cinco estrelas. Preside a sesión, o honorable embaixador para entreter ós emigrantes de ultramar, Miguel Cortizo.
Cortizo.- … Imos agora con 300 votos afincados aquí, na capital do Uruguai, e sen cor política que os ensuxe. A poxa comeza nunha axuda individual de 200 euros ¿Alguén dá máis?
Xosé Sánchez Bugallo.- 225 por barba.
Cortizo.- ¿Alguén dá 240?
Rafael Louzán.- ¡240 a cargo da Deputación de Pontevedra?
Richi Varela.- ¡Ei! 250 da Presidencia da Xunta.
Alberto Núñez Feijóo.- ¡Subimos a 275! O que non chegue, igualamolo coa Deputación de Lugo e a de Ourense.
Anxo Quintana.- A Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar ofrece 280. E non se fale máis.
Cortizo.-
280 á unha, 280 ás dúas, 280 ás…
E. Pérez Touriño.- ¡300! As consellerías de Economía e Presidencia corren cos gastos.
Anxo Quintana.- ¡Nooooon! Entre os incendios, a Cidade da Cultura e as galescolas andamos esquilmados ¡Os contribuíntes non se poden permitir estes prezos! ¡Esixo unha reforma do voto emigrante! ¡Reforma xa!
Cortizo.- E para o seguinte lote, temos 40 sufraxios dunha poboación de netos de galegos recentemente descuberta en Surinam…

2 Comentarios

Arquivado en Emigración

2 respostas a “Eu voto, ti votas, eles votan

  1. Exiliadoesquencido

    Eu creo que o que vai decidir as eleccións é a carretaxe doméstica, coma sempre…

  2. Anxo D

    Vivo en Madrid e teño máis apego e visitas á terra que a miña familia en Arxentina. Eu se non estou censado non podo votar. Eles votan sen pisa-la terra en anos, qué digo anos, decenios. Eu se non paso alí non sei cantos días ó ano non podo censar, e paso máis de dez semanas ó ano. Algo non vai.
    Saúdos cabreados.

Deixar un comentario